Wednesday 28 February 2007

AS CARAS DO MEDO

Aproveitando a visita ao Salón, imos darvos unha breve información sobre "As caras do Medo", o traballo que representa ao centro. A parte plásica foi realizada por alumnado de Bacharelato e consta de varias máscaras que plasman os diferentes aspectos con que o medo adoita atacarnos: medo ao descoñecido, a un mesmo, aos demais ...Un traballo magnífico e moi elaborado como podedes ver. Tamén forma parte do traballo unha escolma de textos literarios, recollida no libro que se mostra ao lado das caras, textos que foron traducidos e comentados por alumnado de 2º ESO. O alumnado de 1º ESO contribuíu con composicións sobre o tema. Ademais faciamos unha proposta ao público que visitou a mostra na sección "Deixa aquí os teus medos". A resposta foi excelente. Esgotouse o material que prepararamos para esta actividade e agora temos unha tremenda colección de medos de todas as idades. Recibimos, entre outras moitas, a felicitación da Organización do Salón pola calidade do traballo. Parabéns a todos e , unha vez máis grazas.
Cando a presente edición do Salón remate poderedes ver o traballo exposto no hall do centro.

Monday 26 February 2007

VISITA AO SALÓN DO LIBRO


O pasado xoves pasamos toda a mañá no Salón do Libro Infantil e Xuvenil que nesta VIII edición dedicou todos os seus espazos, recursos, exposicións, selección bibliográfica e capacidade organizativa ao Medo, e de medo pasárono os case cen rapaces e rapazas de 1º ESO que, primeiro asistiron aos obradoiros de escritura, ilustración e medio ambiente, para continuaren visitando as diferentes exposicións; dedicaron unha atención moi especial á mostra de traballos escolares "Medo nas Aulas” porque entre eles estaba "As caras do medo" montaxe coa que o centro participa no Salón. A visita rematou cunha magnífica sesión de contacontos.
Aínda que houbo que loitar un pouco coa choiva e o vento á ida (a volta fixémola moi confortablemente en autobús) foi unha mañá estupenda. queremos felicitar aos organizadores e a todos os que fan posible o Salón, e moi especialmente a Soledad Felloza
que con o só recurso da súa voz e o seu bo facer mantivo a 100 rapaces de 12 anos totalmente pegados ás súas cadeiras. Tan entusiasmados estaban que cando rematou a súa actuación rogáronlle varias veces que continuase, non querían marchar á casa e pedían por favor un conto máis... tanto é así que a propria actriz felicita aos nosos alumnos e alumnas na súa bitácora (mirade na entrada do 22 de febreiro).
Queredes fotos? Pois aquí tendes algunhas.

Thursday 22 February 2007

ERATO E A POESÍA

Sabedes quen está representada neste cadro? Trátase dunha alegoría de Erato a musa grega inspiradora da poesía lírica e amorosa.
Se vos gusta a poesía non esquezades que na biblioteca hai uns excelentes fondos que están ao voso dispor. Estes son só unha pequena parte dos títulos que podedes solicitar porque, como sabedes, estamos constantemente recatalogando.
Por certo, unha pequena xoia que acabamos de atopar na rede: unha páxina preciosa deseñada polo profesor Juán Atonio Múñoz López que nos permite gozar vendo e escoitando as montaxes que creou en torno a varios poemas. Dádelle unha oportunidade e botade unha ollada.

Tuesday 20 February 2007

LA JOVEN DE LA PERLA


Acaba de inaugurarse a exposición Arco 2007. Unha das artistas invitadas é a fotógrafa holandesa Desiree Dolron
A mostra presenta unha selección de retratos coa que esta fotógrafa se deu a coñecer internacionalmente. A artista pretende exemplificar con estas fotografías a súa devoción pola pintura, ao reflectir por medio de modelos anónimas os rostros dos flamencos que pintaba Johannes Vermeer.
Aquí podedes ver
outro retrato, aquí outro. É interesante comparar estes retratos con algunhas obras de Vermeer, aquí podedes ver outro exemplo.
Por certo, algúns de vós xa coñecedes "La joven de la perla" de Tracy Chevalier. Moi interesante para ter información sobre a maneira de pintar de Vermeer e certamente ilustrativa da época na que viviu o famoso pintor.

Monday 19 February 2007

ANO NOVO CHINÉS

COMEZA O ANO DO PORCO DE LUME
Acabamos de celebrar o inicio do ano 2007, pero a milenaria cultura chinesa xa contabiliza 4704 años. Ao basearse nos ciclos lunares, o Ano Novo Chinés oscila sempre entre finais de xaneiro e mediados de febreiro. Esta fin de semana millóns de persoas que traballan fóra de China volven para pasaren as festividades do inicio do Ano Novo coas súas familias pois, para moitos deles, esta será a única ocasión do ano en que poidan reunirse todos no seu país. Espérase que tan só en China se produzan máis de 2.000 millóns de desprazamentos en tren, avión e autobús. A xente aproveita o novo ano para pasalo coas súas familias, visitar amigos, celebrar festas, comprar roupa nova e intercambiar como agasallo sobres vermellos que conteñen diñeiro. Empeza o Ano do Porco Dourado, que se cre é especialmente afortunado, por iso os hospitais chineses están esperando un "baby boom", xa que se di que os nenos nacidos durante este ano están destinados a seren ricos e felices.
Como sabedes China está a experimentar unha forte apertura ao exterior, e xa é o 4ª destino turístico do mundo. O próximo ano Pekin será a sé dos Xogos Olímpicos.
Aínda que ata hai pouco a cultura española era practicamente descoñecida en China, a situación vai cambiando: o ano pasado inagurouse o Instituto Cervantes, este ano a cultura española terá cabida nas programacións de varias cidades.
Barcelona, Madrid e Valencia son os núcleos urbanos con maior poboación desa orixe, calcúlanse unhas 100.000 persoas en todo o país, pero as comunidades chinesas son cada vez máis frecuentes nas nosas cidades. O comercio e os negocios son valores profundamente arraigados na cultura chinesa e aínda que é certo que todos coñecemos o típico restaurante ou tenda de roupa, os datos mostran que os negocios están cada vez máis diversificados e en Barcelona ou Madrid é fácil ver inmobiliarias, autoescolas, axencias de viaxes etc. O capital sempre é chinés, pero é cada vez máis frecuente ver empregados chineses e españois traballando xuntos nestes emerxentes negocios.
Algúns tópicos: Ás veces acúsase ás comunidades chinesas de ser pechadas e estaren pouco integradas, isto é en parte certo debido á inmensa dificultade de aprender un idioma totalmente diferente e á cantidade de horas adicadas ao traballo. Non ocorre así cos fillos destas familias que adoitan estar moi ben integrados. En xeral as familias chinesas atópanse a gusto en España malia as difernzas culturais e de idioma. Tamén existe a lenda negra de que os chineses nunca morren nin son enterrados nos países onde traballan, pode ter a súa orixe en que as familias que deciden deixar China son moi novas, as persoas maiores non adoitan permanecer moito tempo fóra do seu país e regresan pronto. Ademais existe a tradicción en China de volver sempre ao pobo natal para morrer alí, non importa o tempo que hai que vivas fóra "cando cae a folla, cómpre volver á raíz" Din tamén que os chineses teñen dificultades en pronuniar o "r". Isto é totalmente certo pois este son non existe no seu idioma. Como anécdota comentar que parece que a paella, a tortilla, o xamón son alimentos bastante apreciados, e, en xeral, non senten moito aprezo polo queixo, porque como a maioría dos orientais rexeitan os productos lácteos.
FAI CLIK NA IMAXE PARA VER UNHAS FOTOS MOI INTERESANTES
Desde o centro queremos desexar moita felicidade e prosperidade ás nosas alumnas chinesas e as súas familias

Wednesday 14 February 2007

POESÍA CHINESA


O pasado curso presentamos ao Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil un traballo sobre poesía e pintura chinesa que pretendía ser, sobre todo, unha pequena homenaxe á comunidade de alumnas chinesas do centro. Hai un par de días atopámonos case de casualidade con esta marabillosa ligazón. Non deixedes de botarlle unha ollada. entenderedes moito mellor os poemas e as pinturas que os acompañan.



SERIE VIDA COTIÁ




Por certo, estes días estamos recatalogando os fondos máis interesantes do Departamento de Ciencias Sociais e trasladándoos aos andeis novos. A verdade é que hai coleccións excelentes como a serie Vida cotidiana de Anaya onde se abordan feitos que non tratan habitualmente os manuais: costumes, gastronomía, modas etc.
Podedes informarvos sobre Babilonia, Exipto, Al-Andalus, Roma, Grecia Antiga...
Animádevos

OS AMANTES DE VALARDO

Hoxe que é San Valentín queremos contarvos que un grupo de arqueólogos italianos atoparon unha sepultura con dous esqueletos abrazados, que, segundo os expertos, teñen máis de 6,000 anos, O achado produciuse cando os arqueólogos supervisaban os restos dunha vila romana, atopados nas obras de urbanización de Valardo, unha barriada de Mantua. Os dous esqueletos corresponden a un home e unha muller moi novos que viviron no periodo Neolítico, segundo informaron os seus descubridores. O falecemento do home, e o posterior sacrificio da muller para ser enterrada con el, é unha das hipóteses que se barallan para explicar a postura de enterramento.
A orixinalidade dos ósos atopados, bautizados polos arqueólogos como "Os amantes de Valardo", é a súa postura, xa que é a primeira vez que se atopan os esqueletos abrazados de dúas persoas de idades similares.
Que "novidade" ver o tratamento dado ás mulleres naqueles tempos tan remotos, supoñendo que as hipótesis sexan certas...

SAN VALENTIN




Empezamos este blog xusto o día antes de San Valentín, por iso nos pareceu interesante comentar algo sobre esta celebración, aínda que a maioría do alumnado do centro seguro que está pensando no reparto das cartas de admiradores e admiradoras que terá lugar mañá. Se vos interesa saber como se celebra San Valentín noutros países podedes visitar esta ligazón pertencente a Secretos de Argos, un blog moi interesante mantido por alumnado de tres institutos de Alacante que traballan a asignatura de Cultura Clásica con esta ferramenta. Podedes ler información sobre como ligar, sobre ordenadores, unicornios, Ninja...e todo relacioado cos clásicos. Un traballo excelente.

Related Posts with Thumbnails