Tuesday 29 April 2008

Literatura en contornos dixitais II

Que é a nova literatura dixital? Pódese considerar literatura? Fan falta novas ferramentas para a súa evaluación?

"As tecnoloxías dixitais favorecen a aparición de patróns emerxentes de creación á vez que nos proporcionan novas prácticas e enfoques docentes en materia literaria. Este contexto dixital obríganos a repensar os presupostos teóricos e os conceptos máis básicos para ter recursos desde onde achegarnos críticamente ás novas formas de textualidade electrónica". Laura Borrás

"Estamos nun momento parecido ao que asistimos coa revolución da imprenta xa que a literatura é un patrimonio esencial da nosa sociedade. Por iso, hai que prestar moita atención ás novas tecnoloxías e examinar como condicionan a propia creatividade e os dereitos de lectores e autores". Gabriel Ferraté

"Crear en pantalla é como esculpir sobre auga e, sen dúbida, o contorno dixital está introducindo unha nova orde onde os artistas poden inventar novas formas de produción e onde as posibilidades técnicas serven para ampliar as posibilidades de expresión". Joan Campàs.
Atopamos esta pequena xoia dixital na rede que queremos compartir con tod@s vós.
.

Sunday 27 April 2008

Libros e mestres na República

Nestes días que conmemoramos a festa dos libros parécenos moi oportuno un recordo a aquelas persoas que sempre confiaron neles para formar cidadáns libres. Referímonos a tantos mestres e mestras republicanos que os defendían e amaban. É case un deber lembrar como os levaban de pobo en pobo marcando para sempre as vidas dos seus alumnos. Chéganos a información desta serie de vídeos via darle a la lengua.
Parécenos, nas actuais circunstancias, un documento imprescindible.

Saturday 26 April 2008

Literatura na rúa

Para celebrar o Día do Libro no Abril dos Libros o alumnado de Literatura Galega do século XX (2º BAC) deixou a aula e saíu ás rúas de Pontevedra agora con pouco tránstito e acolledoras. Cada alumno/a foi lendo un texto de homenaxe a autores que contan cunha estatua, busto ou placa nas rúas pontevedresas. Castelao, Bóveda, Valle Inclán, Paz Andrade... deixáronse acompañar uns momentos polos mozos e mozas do IES Sánchez Cantón.
.

Wednesday 23 April 2008

DÍA DO LIBRO

Todo o mundo miraba esas pegadas que subían e baixaban polas paredes e escaleiras desde o vestíbulo ata a biblioteca. Sorteáronse 5 libros entre profesorado e persoal non docente e parece que os afortunados e afortunadas están moi satisfeitos. Foi un día do libro estupendo. Grazas a todas as persoas que o fixeron posible.

Tuesday 22 April 2008

Obradoiro de narrativa

Hoxe foi a 4ª e última sesión do obradoiro de narrativa: alumnado do Sánchez Cantón e o escritor e profesor Manuel Lourenzo González. O alumnado recolleu a súa parte da narración colectiva cos comentarios e suxestións de Manuel Lourenzo. Agora farán as últimas correccións e ... todo rematado! O importante foi a experiencia de construír un relato colectivo: técnicas, temas, personaxes, dificultades... O resultado final é secundario... pero non ten por que ser malo. Xa se verá, porque a ANPA quere imprimir o relato final para que todos e todas garden unha lembranza da experiencia. Grazas a Manuel Lourenzo e á ANPA, a Biblioteca acolleu o nacemento dunha interesante narración colectiva na véspera do Día do Libro.
.

Monday 21 April 2008

Poemas chineses

A verdade, non puidemos resistir a tentación de utilizar esta nova ferramenta para a nosa colección de poemas chineses. Van adicados, como non, a nosa querida Chen Ping, a quen tanto botamos de menos.


Sunday 20 April 2008

Seu Jorge.

Compositor, guitarrista, cantante, actor: Seu Jorge é un artista poliédrico, quen de se desenvolver en múltiples espazos estéticos de xeito osixenado, anovador, mesmo arriscado. Nacido en 1970 nas aforas de Rio de Janeiro axiña apertou ritmos vitais, sonoros e paixonais co samba, o rock e mesmo o son da Motown. Coñecímolo no ano 1998, cando liderando aos Farofa Carioca publicou un primeiro disco esperanzador, Samba esporte fino. Anos despois, definida a súa autonomía persoal e musical, publica Cru, traballo reivindicativo e áspero, reinvención dun samba máis urbán que tropicalista. Nel versiona cun decadente e ácedo pesimismo o clásico de Sérgio Mosca e Noca de Portela, sou favela: A favela é, um problema social/Sim mas eu sou favela/Posso falar de cadeira/Minha gente é trabalhadeira/Nunca teve assistência social/Ela só vive lá/Porque para o pobre, não tem outro jeito/Apenas só tem o direito/A um salário de fome e uma vida normal.


Unha das grandes cancións de Cru: tive razão.

Porén, puidémolo ver, alén da súa faceta musical, mergullado na marciana e exótica The Life Aquatic with Steve Zissou, filme dirixido por Wes Anderson en 2005, onde ademais de construír unha das personaxes máis bizarras da película versionaba, guitarra en man, temas de Bowie, adaptándoos á estrutura do samba.


Bowie, máis marciano ca nunca: life on mars.

Consolidado como un dos novos valores referenciais da nova canción de autor brasileira, actuará en Pontevedra o vindeiro 10 de maio no Pazo da Cultura, dentro do ciclo Con Voz Propia.

"Las alas de la vida"

O pasado venres na 2 de TVE, no programa Versión Original puidemos ver a película Las alas de la vida.

É un documental sobre un médico, Carlos, que contrae unha grave, rara e fatal enfermidade: como asume o que lle pasa, como se enfronta á morte, que espera dese momento, como o vive a súa familia na que hai posicións diferentes, como crece a súa filla, os seus amigos... todo iso sen mexericadas, sen facer espectáculo, respectando posicións diversas e sen deixar de impactar un só momento. ¡Non sei como conseguiron tal! Parabéns ao seu director, Antoni P. Canet.

No coloquio o ministro Bernat Soria dixo que o Ministerio de Sanidade comprara os dereitos e que a ía difundir xa que a sociedadade estaba necesitada de falar da morte e romper o tabú que o mundo urbanita industrializado fixo dela.

É ben certo, tanta morte espectáculo que se oculta a morte real.

Saturday 19 April 2008

Huun- Huur-Tu en Pontevedra!




"Eles son da República de Tuva, unha rexión montañosa e de clima case polar, fronteiriza entre Mongolia e Siberia que historicamente foi invadida por todos os veciños posibles ata que en 1921 un grupo de pastores declarou a súa independencia. Desde hai uns anos decidíronse por exportar a súa cultura a occidente e con ela un dos trazos fundamentais da súa música popular: os sons guturales que, contan, aprendes cando convives moito tempo en soidade cos animais e queres comunicarche con eles. Esta preocupación polos rexistros vocais non é nova en occidente desde que os futuristas e os dadaistas reivindicaron a voz como un dos principais instrumentos musicais. Moitos artistas investigaron todas as posibilidades acústicas dos nosos órganos de fonación: Meredith Monk, Leon Thomas, Diamanda Galas, Joan LaBarbara, Fátima Miranda, Phil Minton, etc., cada un coa súa lectura persoal, pero todos preocupados por extraer os rexistros imposibles. A diferenza respecto dos sons guturales e difónicos de Huun-Huur-Tuu é que con eles esta linguaxe forma parte dunha expresión popular arraigada nas tradicións ancestrais, transmitida entre xeracións mentres coidan o gando. Por iso esa naturalidade e autenticidade levoulles a ensinar os seus prodixiosos rexistros por todo o mundo: televisións, bandas sonoras de películas e, entre moitas das súas colaboracións, concertos privados na propia casa de Frank Zappa" fonte Sinsal


Que sorte poder gozar do privilexio dunha actuación en directo nas ruínas de Santo Domingo o dia de 17 de Maio,ás 22:00h formando parte do ciclo Espazos Sonoros

Wednesday 16 April 2008

Euskadi: canción de autor, tempos novos.

No mes de marzo de 2003 o escritor euskaldún Kirmen Uribe (Ondarroa, 1970) foi convidado pola escritora norteamericana Elizabeth Macklin para realizar unha serie de recitais en pleno corazón dos Estados Unidos, na neurálxica New York. Acompañárano na viaxe grandes voces emerxentes do panorama musical basco, entre elas Rafa Rueda e Mikel Urdangarin. O dilema lingüístico e creativo fíxose patente: "que podiamos facer nós, que formamos parte dunha comunidade lingüística de apenas seiscentos mil falantes, nunha cidade onde todas esas persoas poden caber nun só barrio?", escribe Uribe. Froito desa vivencia, catro anos despois, viu á luz o fermosísimo libro disco "Zaharregia, txikiegia agian" (Unha maneira de ollar, Hotsak, 2007), traballo doutado dunha fonda significación emocional. De todos os temas brillan con luz propia as cancións de Urdangarin (Zornotza, 1971), compositor maduro, culturalmente comprometido, directo no seu convecimento estético.


Unha mostra lene: Abendua.

Ven de ser editado tamén hai escasos meses o novo disco do músico de Irún Jabier Muguruza. Alén das connotacións socias dun apelido vencellado á reivindicación socio-lingüística, Muguruza é un deses autores doutados dunha sensibilidade abafante, dura, mesmo simbiótica. Bucea nos océanos das novas letras bascas para nutrir as súas cancións de textos directos, férreos, mais humildes e reflexivos. Atxaga, Lete ou Iñaki Irazu teñen sido musicados por un Muguruza quen, co seu novo traballo, "Konplizeak" (Elkarlanean, 2008), é xa un dos referentes da canción de autor estatal.


Irene. Texto de Leire Bilbao, crú, feroz na súa concreta indeterminación.

Arropa bustiarekin batera
soketan eskegi da ilunabarra.
Irenek bere bizitzaz hitz egiten du
dagoeneko gertatua balego bezala.
Betseinetan beldurra antzematen zaio.

Ireneri ez dio min egiten inoren minak.
Poltsa beteekin bueltatzen da etxera.
Bi sagar eta kafea.


O solpor colga no tendedeiro
ao carón da roupa mollada
Irene fala da súa vida
como de auga pasada
o medo está nas súas pupilas

A Irene non lle doe o mal alleo
volve á casa coas bolsas cheas
un paquete de café e dúas mazás


Discografías seleccionadas:

Mikel Urdangarin.
1. Dana (Elkarlanean, 2005)
2. Anek idatzi dit zutaz (Hotsak, 2008)

Jabier Muguruza.

1. Enegarren postala (Resistencia, 2003)
2. Abenduak 29 (Resistencia, 2005)
3. Konplizeak (Elkarlanean, 2008)

Monday 14 April 2008

De novas ministras e vellas mulleres lectoras

A nova voceira do Partido Popular no Congreso, Soraya Sáenz de Santamaría, deu hoxe os parabéns á nova ministra de Defensa, Carme Chacón, e considerou que chegou o momento en España de que 'non sexa noticia o sexo ou a condición de quen ocupa un cargo, senón a súa capacidade e os seus méritos". Estando en principio de acordo con que esta circunstancia sería moi desexable, convén recordar que estes logros que agora se visualizan son o resultado dun longo e duro camiño cheo de atrancoss. Aproveitamos a ocasión, xunto á circunstancia de que parece ser que abril quedou definitivamente institucionalizado como o mes dos libros, para publicarmos o documento "As mulleres que lemos somos perigosas" que no seu día foi posto en circulación polas amigas de Ciudad de las Mujeres e agora traducimos co seu permiso. Achegamos tamén un artigo de Helena Villar que apareceu xusto despois das últimas eleccións. Para saber de onde vimos e a onde nunca máis debemos volver. Para lembrar que esta fermosa foto dunha muller embarazada de 7 meses, flamante ministra de Defensa, nunca sería posible se outras mulleres ao longo da historia tivesen deixado de ler, de rebelarse.

"As eleccións acalaron ás mulleres no seu día grande, que coincidiu coa xornada de reflexión. Mais como moitas tecemos na rede unha lazada violeta que aperta a sororidade, fixemos circular entre nós felicitacións, textos críticos e reivindicativos, e fermosas na forma aínda que tristes no contido presentacións en power point. Unha das que recibín e propaguei ten escritos contra as mulleres dos que non me resisto a copiar algún:

.

.

"A muller debe adorar ao home como a un deus. Cada mañá ha de axoenllarse nove veces consecutivas aos pés do seu marido e, cos brazos cruzados, preguntarlle: señor, ¿que desexades que faga?" (Zaratustra, século VII a.C).

"A natureza só fai mulleres cando non pode facer homes. A muller é, polo tanto, un home inferior" (Aristóteles, século IV a.C.).

"Aínda que a conduta do marido sexa censurable e se dea a outros amores, a muller virtuosa debe reverencialo como a un rei. Durante a infancia, unha muller debe depender de seu pai; ao casar, do seu home; se el morrese, dos seus fillos e, se non os tivese, do seu soberano. Unha muller nunca debe gobernarse por si mesma" (Leis de Manu, libro sagrado da India).

"Que as mulleres estean caladas nas igrexas porque non lles é permitido falar. Se quixeran ser instruídas sobre algún punto, pregúntenlles na casa aos seus homes" (Apóstolo Santiago, s. I).

"Cando un home fose reprendido en público por unha muller, ten dereito a golpeala co puño e o pé, e a romperlle o nariz para que non se deixe ver, avergoñada da súa face" (Le Ménagier de París, tratado de conduta moral, s. XIV).


"Os nenos, os idiotas, os lunáticos e as mulleres non poden nin teñen capacidade para efectuar negocios (Enrique VII de Inglaterra, s. XVI).

"O peor adorno que unha muller pode ter é ser sabia" (Lutero, s. XVI).

"Todas as mulleres que seduciran e levaran ao matrimonio os súbditos da Súa Maxestade mediante o uso de perfumes, pinturas, dentes postizos, perrucas, e recheo de cadeiras e seos, incurrirían en delito de bruxería e o casamento quedaría automaticamente anulado (Lei inglesa do século XVIII). "

Con lazada violeta chega tamén a publicación do tomo I de O segundo sexo, de Simone de Beauvoir. Grazas á Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Edicións Xerais polo galano. Di a filósofa que a muller non nace, que se fai. Eu engado que o home tamén. E ten que se facer doutra maneira. "
Helena Villar

Deporte ou tortura?

Pois este é o pero á entrada anterior. Botádelle unha ollada a este documental sobre o adestramento con nenas pequenas en China. Non é un alegato contra China por estas prácticas, sobre todo non só contra China. Cónstanos que noutros países acontecen feitos semellantes pero son case imposibles de filmar. A información procede do blog de aula Ciclos Deporte Weblog do noso centro, e polo tanto tampouco se trata, como é obvio, de facer unha crítica contra o deporte. Trátase só de poñer límites razoables e de posicionarnos frontalmente contra este tipo de excesos cometidos contra menores co único obxectivo de conseguir, como neste caso, algunhas medallas de ouro máis. Non cremos que esa sexa a filosofía que deba inspirar unhas boas prácticas deportivas. Admítense comentarios.

Sunday 13 April 2008

Ballet?

Para esta tarde de domingo suxerímosvos que lle adiquedes uns minutos do voso tempo a esta versión tan especial do Lago dos Cisnes, a cargo dun grupo de bailaríns-acróbatas do Great Chinese State Circus. Persoalmente non estamos moi a favor deste tipo de destrezas, sobre todo logo de ver un documento que publicaremos un destes días Evidentemente a espectacularidade e a perfección técnica dos executantes é incuestionable. Xa nos contaredes

Friday 11 April 2008

Oz e os cazadores de tornados


Lembrades o argumento do mago de Oz? Cando a pequena Dorothy é arrebatada de Kansas xunto coa súa casa por un tornado? Apetécenos, para empezarmos, darlle un pouco de publicidade ao marabilloso traballo de Robert Sabuda, un auténtico xenio dos troquelados, ou pop-ups e animarvos a que de paso vexades tamén a súa versión de Alicia no país das Marabillas, se cabe aínda máis espectacular.
.
E xa que estamos co tema brindámosvos a oportunidade de verdes a famosa escena do tornado, na película orixinal, e a continuación un par de americanos tolos de remate que teñen o bo costume de filmar este amigable fenómeno atmosférico a unha distancia que corta a respiración. Son os famosos twister hunters


Thursday 10 April 2008

Culturas


Por moi diferentes que semellen, todas as culturas teñen algo en común, só hai que buscalo. Estas foron máis ou menos as palabras coas que un dos membros do grupo Deggo (Senegal) pechou hoxe no Centro Social Caixanova o acto de presentación do Libro das alquimias de Xesús Constenla, do que xa falamos en Mesturas cando saíu do prelo. Parabéns ao Ateneo de Pontevedra pola organización de tan fermosa presentación dun libro. Non só polas palabras de X.A. Neira Cruz e Xosé Monteagudo; ademais das moi sentidas do editor. Tamén polas cancións de Marmelada de Re e os senegaleses de Deggo. O remate foi de categoría: galegos e senegaleses interpretando unha muiñeira, percusión senegalesa xunto á gaita e o acordeón. Calquera dos que asistiu a tan bonita presentación... seguro que pega a ler no libro canto antes.

Wednesday 9 April 2008

Traballo infantil na revolución industrial

Para o alumnado que esta a ler a Dickens neste trimestre

O traballo infantil foi un dos estigmas que acompañaron á revolución industrial. A explotación laboral dos nenos e nenas non xurdiu entón, nin sequera alcanzou a unha maioría deles, pero o afastamento do marco familiar e a inserción de parte do traballo nas duras condicións laborais da fábrica deu a esta explotación uns perfís novos, que motivaron a preocupación dos reformadores da época e acabaron dando lugar a unha lexislación reguladora.
A defensa da causa dos nenos nas novas condicións do traballo industrial en Gran Bretaña correu en boa medida a cargo de sectores vinculados aos tories conservadores, na súa maioría aristócratas defensores do paternalismo e a deferencia propios da vella orde social, que vían ameazada polo desenvolvemento da industrialización e a auxe da burguesía ligada a ela. Estes sectores defenderon desde formulacións humanitarias a abolición da moderna escravitude infantil nas fábricas. Michael Sadler e Richard Oastler foron dous dos tories que máis se distinguiron, desde dentro do Parlamento e fóra del, no combate contra o emprego de man de obra infantil na industria. O primeiro presidiu o comité parlamentario que durante varios meses investigou o tema e chamou a declarar a ducias de testemuñas, parte deles traballadores vítimas na súa infancia da explotación fabril. Fonte: Siete paseos por la Inglaterra victoriana

Nesta interesante, atractiva e ben documentada actividade a pantalla completa, promovida pola BBC, podemos ver gravados da época e un excelente resumo das lamentables condicións dos nenos e nenas nas fábricas e de como xorden as leis reguladoras que empezan a favorecer a asistencia obrigatoria ás escolas e a limitación do traballo infantil. Constatamos, como non podía ser doutro xeito, que as disciplinas dos nenos diferían esencialmente das impartidas ás nenas, orientadas, como non, á aprendizaxe das tareas domésticas.
De verdade que o documento paga a pena. Ten un excelente deseño e non é necesario saber moito inglés, todo está subtitulado e é un bo exercicio para a divulgación deste periodo histórico.
Agradecemos esta última ligazón a nosa compañeira Conchi do CEIP de Palmeira.
.





Monday 7 April 2008

Baraka

No ano 1992 o cineasta norteamericano Ron Fricke estreou "Baraka", unha das películas documentais máis impactantes das últimas décadas. O termo baraka é unha antiga voz sufí que significa "alento vital". Con esta obra, filmada ao longo de varios anos en máis de 24 países por todo o globo, Fricke pretendeu ilustrar a tensa relación existente entre o planeta e o ser humano. Para conseguilo non dubidou en contrastar imaxes de fondo calado estético e grande beleza con secuencias nas que queda patente a brutal e ás veces daniña natureza humana. Ademais, Fricke decidiu non incluír ningún tipo de rótulo ou voz en off: as imaxes debían falar por si soas, convidando ao espectador a un exercicio de reflexión e análise constante. Limitouse a remarcar as imaxes coa música de grandes nomes do panorama sonoro contemporáneo, entre eles a do xaponés Somei Satoh, os chilenos Inkuyo ou os australianos Dead Can Dance, responsables da música que ilustra o primeiro fragmento que vos presentamos.
vía Biblogteka Filosofía.Sánchez Cantón


Sunday 6 April 2008

Literatura en contornos dixitais: Alicia inanimada

Regresamos dos encontros de Sanxenxo como sempre, admirando unha vez máis a impecable organización, o bo facer dos relatores e relatoras e felices, como non, de ver tantas caras amigas de novo reencontradas. Botamos de menos persoas imprescindibles neste traballo colectivo que intentamos levar adiante, porque se imos falar de xenerosidade e bo facer alí non estabamos tod@s. Faltaban Gracia, Antonio, Luz, Pili... que saibades que vos botamos moitísimo de menos pòrque formades e formaredes sempre parte de todo este tinglado; parte imprescindible, non o dubidedes.

Logo da impresionante conferencia de Laura Borrás, visitamos rápidamente Hermeneia, como non podía ser doutro xeito. Despois, facendo a nosa propia hipertextualidade, chegamos a esta primeira mostra de literatura dixital que incluímos en Mesturas, e que non será a última. Trátase de Alicia inanimada, unha obra que trata dunha nena de 8 anos que vive cos seus pais en China, e vai medrando ao longo dos sucesivos capítulos. O grao de complexidade e interactividade do texto-xogo vai aumentando progresivamente. De momento hai só tres capítulos. Este proxecto foi premiado en varias ocasións polo que paga a pena botarlle unha ollada. Ademais nesta ligazón tendes a posiblidade de lelo en español, para os que o prefirades. Xa me contaredes.

Tuesday 1 April 2008

Spencer Tunick: arte, fenómeno sociolóxico ou simple provocación?

Issuu bríndanos a posibilidade de poder utilizar esta ferramenta para que admiredes a obra de Tunick.

En maio de 2007, na Cidade de México rompeu o seu propio record logrando xuntar na Praza da Constitución (Zócalo) desta cidade case 20,000 participantes que se espiron sen prexuízos. Os seus modelos son voluntari@s que unicamente reciben unha foto asinada pola súa desinteresada colaboración.
Xulgade por vós mesmos

Related Posts with Thumbnails